O venres 17 de marzo, tras varios anos consecutivos intentando cadrar axendas (e sempre contando ca súa boa disposición e interese), tivemos o luxo de poder escoitar no noso centro a Carmen Villarino Pardo, Doutora en Filoloxía e profesora especialista en Literatura Brasileira da Universidade de Santiago de Compostela (USC), nunha conferencia destinada aos alumnos/as de 3º e 4º da ESO (á dereita na fotografía). Tamén de luxo foi escoitar aos leitores -colaboradores nas clases de Filoloxía da USC- que a acompañaron e participaron no acto (de esquerda a dereita na fotografía anterior): Márlio Barcelos (lector brasileiro da USC), Carla Sofía Amado (lectora de portugués na USC e Directora do Instituto Camões en Galicia) e Benevides Maurício (lector angolano da USC no curso anterior e profesor do Instituto Superior de Ciência e Educação en Luanda - Angola).
Contáronnos cousas tan importantes como que a
lingua portuguesa fálana, aproximadamente, 250 millóns
de persoas, coas que podemos entendernos se viaxamos a algún dos 8 países en que é língua oficial. É a quinta lingua máis usada en internet (tendo sido a cuarta, con maior taxa de crecemento),
e a terceira lingua máis utilizada en Facebook (segundo os datos do informe coordenado por Luís Reto
sobre o Potencial Económico da Língua Portuguesa, de 2012)
evidenciando a súa importancia a nivel mundial.
Grazas a eles, puidemos coñecer que no VIII Congresso da Associação Internacional de Lusitanistas, (celebrado en 2005 na Universidade de Santiago de Compostela), o escritor brasileiro Luiz Ruffato propuxo o termo galeguia para incluir todos aqueles territorios que falan a mesma lingua orixinada hai séculos na Galiza e que permite, ainda hoxe, entendernos en varios continentes.
Asimesmo, lembraron que a Lei Valentím Paz Andrade, aprobada en 2014 no Parlamento galego, compromete ao Goberno galego a incorporar progresivamente a aprendizaxe da lingua portuguesa como lingua extranxeira nos centros de ensino galegos, e a promover os vínculos coa lusofonía nos medios radiofónicos e televisivos entre outros ámbitos. Esta lei foi o resultado dunha iniciativa lexislativa popular presentada no ano 2013 co apoio de 17.000 sinaturas.
"Abrir as postas da lusofonía" foi abrir a nosa mente ás enormes posibilidades de falar un idioma que nos permite entendernos en moitas partes do planeta, dende unha viaxe a un número amplo de países (Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Guiné Bissau, São Tomé e Príncipe, Cabo Verde e Timor Leste) ata comunicarnos nas redes sociais ou enviar o noso currículum vitae para traballar en innmerables proxectos e empresas que empregan a nosa familia lingüística... por citar tan só algunhas das potencialidades da nosa lingua.
Non podemos máis que reiterar o noso enorme agradecemento a Carme e aos seus acompañantes Márlio, Carla e Benevides, pola valiosa oportunidade que nos brindaron ao visitarnos e transmitirnos todo o que unhas liñas dun blog non poden resumir... Para vós o agradecemento e afecto da comunidade escolar do noso IES Castro de Baronceli, na que en marzo de 2017 deixáchedes unha importante pegada.
Recomendamos visitar estes dous enlaces a sendos vídeos, mostrados durante a conferencia:
"Racismo é burrice"
"O que é Lusofonía?"
No seguinte enlace hai máis fotos da actividade...
Ningún comentario:
Publicar un comentario