domingo, 13 de setembro de 2015

ALUMNOS/AS DE 4º: ATA SEMPRE!

Parece que foi onte, pero pasaron xa varios anos dende que chegáchedes ao IES Castro de Baronceli por primeira vez. Ogallá vos levedes o mellor do vivido e aprendido nestes anos, e que o camiño que sigades en adiantes sexa aquel que marcan os vosos soños e ilusións.

Moita, moitísima sorte e ilusión no que emprendades. O instituto seguirá sendo sempre o VOSO instituto, e nel seredes sempre benvidos. ATA SEMPRE !!!


CARTA ABERTA DE RUBÉN RIÓS

Semanas despois da Romaría das Letras Galegas, Rubén Riós publicou na súa conta de Facebook "Rubén Riós actor director" a carta aberta que enlazamos a continuación, e que expusemos no taboleiro á entrada do instituto.
De novo, Rubén, o noso enorme e sincero agradecemento polas túas verbas e a túa proximidade persoal e profesional. Deixas unha valiosa pegada na gran familia itinerante que nun ou noutro momento habitamos o IES Castro de Baronceli, e da que xa formas parte dende o 18 de maio de 2015.

   

ENLACE á carta aberta de Rubén Riós
 

XOGOS TRADICIONAIS: XORNADA EN CHAVES e TRABALLOS DO PROXECTO INTERDISCIPLINAR

No mes de xuño, os dous grupos de 1º ESO participaron nunha xornada de xogos tradicionais compartida con varios grupos de alumnos/as da agrupación escolar Nadir Afonso - Julio Martíns en Chaves. Un bo complemento aos obradoiros de xogos tradicionais xa celebrados no noso centro ao longo deste curso. Ademáis, unha boa parte das sesións de Proxecto Interdisciplinar do grupo de 1ºB foi adicada a investigar e realizar traballos de presentación sobre diferentes xogos tradicionais.

O noso agradecemento aos educadores da escola Nadir Afonso que se ofreceron a participar na xornada en Chaves (Conceiḉao e todos/as os seus compañeiros/as), á Eurocidade Verín-Chaves (nomeadamente a José Sousa) por facer posible o contacto e coordinación entre os nosos centros, e á Camara Municipal de Chaves por prover da asociación cultural que colaborou nos xogos.

Esperamos que éste sexa tan só o comezo dunha relación a medio e longo prazo entre centros e persoas que estamos próximos en máis eidos que o xeográfico, que poida servir de coñecemento e valoración mutuas das propias realidades socioculturais, cas súas semellanzas e as súas particularidades. Contactaremos de novo axiña!

Enlace ás FOTOS da xornada de xogos tradicionais en Chaves


Enlace aos TRABALLOS sobre Xogos Tradicionais realizados polos alumnos/as de 1º B. O noso agradecemento, tamén, á súa titora Cristina por colaborar activamente dende as sesións de Proxecto Interdisciplinar.

ROMARÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015 !!!!!

Por 8º ano consecutivo, no IES Castro de Baronceli preparamos, celebramos, desfrutamos e compartimos un montón de bos momentos artellados arredor da xa tradicional ROMARÍA DAS LETRAS GALEGAS, que tivo lugar o luns 18 de maio.



Neste ano 2015, a nosa adicación particular dunha aula do centro foi a Rubén Riós, actor en cine e televisión, director, promotor de multitude de proxectos culturais e sociais, e tamén compañeiro e paisano de varios dos nosos alumnos/as do centro. A él e aos seus pais agradecemos enormemente a súa presenza e participación activa nesta data tan sinalada para o noso centro. Cónstanos que as verbas, pensamentos e sentimentos compartidos por Rubén neste día coa nosa comunidade educativa deixan unha importante pegada en cada un/unha dos que a formamos, especialmente nos alumnos/as que representan o zume novo que alimentará a sociedade de mañá.
Queremos tamén agradecer a presenza e actuación, por terceira vez en tan só dous anos, do grupo musical tradicional "Chimpa na Palla", que tanto animou a sobremesa nesta e en anteriores ocasións.
E, por suposto, o agradecemento a todos/as os/as que facedes posible a Romaría cas vosas  preparacións, actuacións, xestións e colaboracións dun ou doutro xeito. A Romaría non sería tal sen a participación de todos/as os que formamos parte do centro, ése é o seu maior valor. Sigámola celebrando e compartindo por moitos anos. E, extendendo o comentario de Rubén, "voltade un día ao centro cos vosos fillos" e transmitídelles todo o bo e valioso que aquí compartimos, con orgullo e conciencia do que somos e temos.


Velaquí o listado de PREMIOS a diferentes concursos entregados na Romaría, e, a continuación, os enlaces cas FOTOS dos diferentes momentos da Romaría das Letras Galegas 2015:














MURAIS EN GALEGO (1º ciclo ESO)

Os alumnos/as de 1º e 2º ESO, traballando nas clases de Lingua Galega, elaboraron e expuxeron unha chea de textos, poesías, debuxos, slogans e máis... cos que ambientamos os corredores do centro durante o mes de maio, durante o cal celebraríamos a nosa xa tradicional Romaría das Letras... Velái o seu belo e valioso traballo. Parabéns!


Neste enlace tedes fotos en detalle dos murais: FOTOS MURAIS GALEGO MAIO

E, trala lectura do libro recomendado en Lingua Galega para o 3º trimestre, "Palabras de Caramelo" de Gonzalo Moure...
 
...os alumnos de 1º ESO realizaron e expuxeron este fermoso mural. Parabéns de novo para eles e para Rosa, impulsora destes e de tantos outros murais e traballos!!


MURAIS sobre o libro "A CASIÑA AZUL" (1ºESO)

Durante o 2º trimestre deste curso 2014-2015, os grupos de 1ºESO A e B realizaron  estos fermosos murais a partir da lectura proposta e traballada dende a asignatura de Lingua Galega, correspondente ao libro "A Casiña Azul", de Sandra Comino.


Unha vez elaborados, puidemos contemplalos expostos nos corredores do centro. Noraboa polo traballo e o resultado...!!

Murais realizados polo grupo de 1º ESO A:

















Murais realizados polo grupo de 1º ESO B:




BIBLIOTECA: CONCURSO DE MARCAPÁXINAS

O equipo da Biblioteca -nomeadamente o noso profe Israel- organizou, coma en cursos anteriores, o Concurso de Marcapáxinas, elaborando unha bonita exposición de todos os marcapáxinas participantes nas portas da Biblioteca.

As fotos da exposición podedes velas no seguinte enlace:

Velaquí os marcapáxinas premiados. Noraboa ás autoras!!!