domingo, 26 de novembro de 2017

"AS NEUTRINAS": GAÑADORAS NO CONCURSO DE ASTRONOMÍA NO GALICIENCIA 2017!!!


O Galiciencia 2017 tivo como temática neste ano a Astronomía. Por iso, neste certame convocou o concurso “Atrévete coa astronomía” que constaba de tres desafíos realizados ao longo do anterior curso 2016/2017. As alumnas Lorena Pérez, Laura Rodríguez e Paula Sanchoyerto (equipo "AS NEUTRINAS") de 3º ESO neste curso, animáronse a participar e, grazas a súa gran creatividade e capacidade de esforzo, chegaron xunto con outros dous grupos á final na súa categoría, celebrada o pasado 24 de Novembro no Parque Tecnolóxico (sede física do Galiciencia), onde se proclamaron campionas despois dunha serie de probas nas que demostraron a súa valía. NORABOA CAMPIOAS!!!
O resto da gran familia que  forma(mos) Baronceli, ao enterarse da noticia de que as nosas alumnas foran as gañadoras do concurso na mesma mañá en que visitamos o Galiciencia e celebrou a final , apuraron a facer un improvisado cartel de felicitación que acompañou ao caluroso recibimento (xa no comedor) ás compañeiras campioas. MIL PARABÉNS, SEGUIDE A DAR ALAS Á VOSA INICIATIVA E CREATIVIDADE!!!

A continuación podedes ver os magníficos vídeos que elaboraron para cada un dos tres desafíos:



VISITA A GALICIENCIA 2017


O venres 24 de novembro os/as alumnos/as de 3ºESO acudiron ó GALICIENCIA 2017 no Parque Tecnolóxico de Ourense. Este ano, ademáis de visitar esta sempre máis que recomendable feira científica e educativa, acompañábamos ás nosas alumnas Lorena Pérez, Laura Rodríguez e Paula Sanchoyerto (Equipo "As Neutrinas") á final do concurso "Atrévete coa Astronomía!" que tivo lugar esa mesma mañá nunha das instalacións do Galiciencia. E as nosas "Neutrinas" resultaron ser as gañadoras desa final, tras tres desafíos" superados no curso anterior e a fase final disputada alí!! MIL PARABÉNS POLA VOSA CREATIVIDADE, HABILIDADE E INICIATIVA!!!

Ademáis de celebrarse a final deste concurso sobre Astronomía (temática escollida este 2017 polo Galiciencia), todos os visitantes tivemos a oportunidade de asistir a unha atractiva charla sobre o coñecemento do Universo ao longo da historia, facendo un percorrido dende a antiga mitoloxía recollida nas constelacións e as súas lendas, ata os descurimentos máis modernos sobre galaxias, púlsars ou quásars. Sabíades que un fragmento do tamaño dunha area, pertencente a unha estrela de neutróns, tería tanta masa coma o maior dos avións que se teñen construído...?

Ademáis, puidemos asistir a un interesante obradoiro didáctico sobre Astronomía impartido por Manuel Vicente (dirixe o interesante programa radiofónico "Efervesciencia" -recomendable enlace e prgrama- que se emite todos domingos ás 15 h. na Radio Galega). Aprendimos un montón de cousas, como que hai un gran océano de auga líquida  agochado baixo a superficie conxelada dun dos satélites de Saturno... Cantos outros sorprendentes segredos agochará o cosmos? Seredes un/unha de vós, futuros científic@s, quenes os descubriredes e daredes a coñecer á humanidade?

E, como non, visitamos a "estrela" do Galiciencia: os proxectos científicos realizados e expostos por alumnos/as de ducias de centros de toda Galicia. Neste enlace de  Galiciencia poderedes ver os proxectos premiados e toda a información, fotos e vídeos relativa ao Galiciencia 2017 e ás anteriores edicións.

Non queremos deixar de felicitar a toda as persoas que organizan e apoian a celebración de Galiciencia ano tras ano, así como a todos os centros e grupos de alunmos/as participantes cos seus proxectos. E de novo, NORABOA ÁS NOSAS ALUMNAS LAURA, PAULA E LORENA, "NEUTRINAS" GAÑADORAS!!


domingo, 19 de novembro de 2017

CONFERENCIA DE SERAFÍN GONZÁLEZ (CSIC-SGHN) SOBRE OS LUMES

O venres 17 novembro de 2017 visitou o noso IES Castro de Baronceli o investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González Prieto, para impartir unha conferencia e posterior coloquio sobre a problemática dos incendios forestais, as súas causas, consecuencias e posibles actuacións.

A amable dispoñibilidade de Serafín visitado o noso centro brindounos unha ocasión privilexiada para ilustrarnos sobre este dramático problema, por parte de quen é investigador especializado en solos e divulgador científico, con máis de 60 artigos científicos publicados (23 deles centrados nos incendios forestais) así coma colaboracións en varias revistas e libros. Dende aquí o noso agradecemento pola oportunidade de escoitalo no centro, e tamén pola súa claridade e convicción, expoñendo un tema tan complexo dende unha posición científica obxectiva e coherente; posición que implica en moitos aspectos desmentir certas mensaxes que intoxican os medios de comunicación, e, consecuencia imprescindible, denunciar aquelas accións e estruturas que dende as administracións públicas e outras entidades non se dirixen á raíz dos problemas aos que se debería buscar solucións.


Sen pretender resumir nesta entrada toda a interesante conferencia e posterior coloquio, deixamos a continuación algunhas frases e ideas expostas por Serafín sobre os lumes na nosa terra:
  • "O noso monte non arde porque sexa ou conteña moito “combustible”. Arde porque alguén lle prende lume"
  • O 90%  dos lumes forestais son intencionados. Pero só o 0,1-0,2% da poboación os provoca.
  • Non é certo que haxa organización terrorista incendiaria. Dicilo é rotundamente falso, e só serve para “botar balóns fora” e eludir responsabilidades.

  • Cantos máis lumes, máis CO2; a máis CO2, máis cambio climático, o que conleva máis vagas de calor e menos precipitacións; esto facilitará máis vagas de lumes.


  • "Non todas as árbores arden por igual..." Nas peores condicións (maior facilidade para a propagación), o lume nos piñeiros exténdese un 20% máis rápido que nos carballos; no caso dos eucaliptos, un 50% máis rápido que nos carballos (nas mesmas condicións).
  • O fume dos incendios nós só é tóxico para os pulmóns pola entrada de gases e partículas tóxicas. Detectouse aumento na concentración de substancias canceríxenas no corpo dos brigadistas despois dunhas horas de traballo na extinción, que terían sido absorbidas a través da pel.
  • Os produtos retardantes  -polifosfatos amónicos- engadidos en ocasións para a extinción (dan cor vermella á auga botada) provocan nas áreas onde se utilizaron, pasado o tempo, importantes perxuízos (elevan moito os niveis de N e P no solo): entre outros, xenera un maior crecemento inicialmente das árbores, pero unha masiva morte temperá despois delas (as súas raíces medraron moi pouco) dificultando a reforestación desas áreas.
  • O solo é a base dos ecosistemas terrestres (flora, fauna, descompoñedores..,.). A súa perda tralos incendios,  debido ao arrastre do solo queimado nas pendentes pola auga de chuvia, é unha consecuencia gravísima e en non poucos casos irreversible.
  • Se na época dos Romanos se perderan 10 cm de solo, necesitaríamos todos os séculos que pasaron dende entón ata hoxe en día para que dito solo se rexenerase. Nos incendios quéimanse (e posteriormente son arrastrados) capas de solo de varios centímetros de espesor.

  • O solo cumpre tamén unha importante función retendo auga. No incendio de Camba onde se queimaron 1700 hectáreas, 4 anos despois, o solo retiña un 60% menos de auga, que son 18 litros de auga menos retidos por cada m2: en total, 306 millóns de litros de auga menos retidos polo solo só nesa área.
  • Cando o solo retén menos auga, aumentan as riadas na época de chuvias, e aumentan as secas nas épocas de maior calor e menores precipitacións.
  • Non é ético nin responsable permitir a caza nas zonas que non arderon, cando nesas zonas intenta refuxiarse parte da fauna que conseguiu salvarse fuxindo das zonas queimadas. Esta fauna posibilitará nun futuro a repoboación das zonas queimadas de onde fuxiron.
  • No gran incendio de Cualedro en 2015 queimáronse 3.180 hectáreas (equivalente a dúas veces a cidade de Vigo). O custo da súa extinción foi de entre 50.000 e 80.000 euros por cada hora de actuación.
  • O gasto en extinción de lumes en Galicia é de 170 millóns de euros por ano (uns 60 euros por habitante!).
  • É inconcibible a falta de inversión pública en campañas de concienciación contra o lume. As inversións -multimillonarias- céntranse só na extinción.
  • "Cada un de nós e vós pode e debe actuar. Ide e contade, nas vosas casas e vilas, todo esto que estamos falando"

Incluímos algúns enlaces de especial interés que Serafín nos convidou a visitar:
  • Fragmento de reportaxe na TVG con Serafín explicando diferentes graos de severidade do lume en diferentes zonas queimadas.
  • Excelente vídeo explicativo (breve e moi logrado) sobre a importancia do solo.
  • Intesante cómic que explica de forma moi amena o valor do noso solo.
  • En clave de humor, este pequeno episodio da miniserie da TVG "Era visto!" ("Arde sobre queimado": a partir do minuto 19 do vídeo) na que o guionista hábilmente incluiu -ca nosa característica retranca- varios aspectos da concienciación sobre os lumes no entorno dos protagonistas.
Mil grazas Serafín pola túa presencia no noso centro e pola túa verbas precisas e clarificadoras. Lembramos a parte final coa que remataches: cada un de nós pode e debe actuar... DIFUNDÁMOLO


MAGOSTO 2017

Co mes de novembro achégase unha das nosas celebracións tradicionais cun encanto especial, que nos reúne en torno ao lume e o arrecendo a castañas asándose: os nosos magostos.
Nas datas próximas a celebrar o magosto no noso Baronceli, os alumnos/as de 1º ESO elaboraron nas clases de Lingua Galega uns murais con banda deseñada alusivos ao outono, o magosto e o produto rei desta época do ano nos nosos soutos: as castañas. Neste enlace  podedes acceder a varias imaxes ampliadas dos murais. Parabéns polo voso bo traballo e creatividade!!


Ademáis da festa, a música, as castañas e o xantar compartido... tivemos tamén tempo para celebrar a Carreira Solidaria, colaborando con Save the Children na recaudación de fondos para proxectos de axuda ao desenvolvemento. Parabéns un ano máis pola vosa valiosa colaboración!!

No seguinte enlace podedes acceder ás fotos do MAGOSTO que celebramos o luns 13 de novembro no noso Baronceli.



 Nunca perdamos a ilusión por reunirnos e desfrutar das nosas festas e tradicións!!




DÍA DA CIENCIA EN GALEGO


O 4 de novembro celebrase o Día da Ciencia en Galego. Con este motivo, dende a asignatura de Física e Química, varios alumnos/as de 3º ESO buscaron información e elaboraron algúns murais, ilustrando a traxectoria de varios cientícos/as galegos destacados/as (e non sempre suficientemente coñecidos pola nosa sociedade en xeral e pola nosa comunidade educativa en particular)


Nos seguintes enlaces podedes acceder ás imaxes ampliadas de cada mural:

Difundamos e valoremos a Ciencia feita por galegos/as, tamén construída e comunicada a través do noso idioma. Parabéns polo traballo feito e o coñecemento obtido!!