venres, 22 de decembro de 2017

PEDRO ARMESTRE NO BARONCELI: "NUNCA DEIXEDES DE SOÑAR"

En maio deste 2017, na Romaría das Letras Galegas, inaguramos un aula co nome de Pedro Armestre. Naquelas datas él estaba recuperándose dunha infección contraída en Vanuatu (illas do Pacífico), e prometeu que nos visitaría en canto lle fose posible. Esa visita fíxose realidade o martes 5 de decembro.


Esta é xa unha data moi especial no instituto Castro de Baronceli. Unha desas experiencias que os nosos alumnos/as lembrarán cos anos, e en moitos dos que o escoitamos quedará sementada unha valiosa inquedanza: imaxinar aquelo que desexamos e loitar con determinación para facelo realidade. "Pídovos un favor: nunca deixedes de soñar”... así  despedíase Pedro dos nosos alumnos/as. Un bo título para o conxunto de relatos e experiencias que compartiu con todos nós, nesas dúas horas que se fixeron curtas e inesquecibles.

A través das súas historias viaxamos a Centroamérica, adentrámonos pola selva ata unha fervenza segreda en Guatemala (sempre co permiso das abellas...), compartimos unha experiencia sagrada cos indíxenas que veneran e respetan ó seu río e á natureza na que viven, asombrámonos ca xenerosidade e espíritu de comunidade de pobos e culturas con moitos menos recursos materiais ca nós (pero enormemente ricos en calidade humana...), coñecimos a penosa situación de sufrimento de familias refuxiadas, fuximos con él monte abaixo escapando da policía segreda marroquí (que endurece aínda máis as condicións de vida dos inmigrantes que pretenden chegar a Europa...), revivimos o soño feito realidade de escoitar a Einaudi tocando o piano fronte a un inmenso glaciar... Pedro compartiu todas estas experiencias con nós, e revelounos un segredo: a fotografía é para él a chave que lle permite chegar ata esas historias e vidas que lle interesa contar. Historias que poucas veces saen nos medios masivos de comunicación. Dando voz aos que -case sempre- non teñen voz. Con –non poucas veces- riscos en moitos sentidos, pero satisfeito e convencido do que fai.


O mellor xeito de comprobar a pegada da visita de Pedro Armestre ao noso centro é recollendo as voces  e reflexións dos nosos alumnos/as, os principais destinatarios a quen Pedro quixo chegar coas mensaxes que ían dentro de cada historia compartida. Agradecemos tamén aquí a contribución de Álvaro López Greco (4ºESO), ca súa magnífica interpretación á guitarra, acompañando ás fotos realizadas por Pedro en Guatemala. Velaquí algunhas das vosas impresións:

“Grazas a todo o que nos contou podémonos facer unha idea mellor da situación real do mundo. Incluso me contaxiou as ansias de viaxar, de velo cos meus ollos e de poder axudalos a todos, a todas as persoas que sofren polo que sexa, porque queren cambiarlle as súas vidas estropeando unha preciosa cascada, porque viven nunha guerra, porque non teñen país, porque viven nun campamento con pouxos recursos.... demasiadas cousas para nomealas todas” (Laura Rodríguez, 3º)

“Sorprendeume e encantoume a absoluta convivencia que teñen algunha comunidades indíxenas coa natureza” (Ismael Fernández, 3º)


“O que máis me gustou da charla foi darme conta de que nas comunidades máis humildes están máis unidos ca nos, e penso que é algo que a nosa sociedade debería recuperar” (Helena Rivero, 3º)

“Pedro trasmitiunos a emoción de coñecer xente de todo o mundo e condicións. O que máis me chamou a atención foi a historia na que os indíxenas paraban o río, polo irreal que parecía e o serio que o contaba” (Lucas Pardo, 3º)

“Foi unha charla moi amena. Quedaríame sobre todo co consello final: que non deixemos de soñar” (Lucía Justo, 3º)

“Encantoume que nos transmitira a unidade, sinxeleza e forma de vida das distintas culturas coas que conviviu” (Sheila Prieto, 3º B)

“Ensinounos que nunca debemos rendirnos, que podemos facer cousas incribles a pesar dos obstáculos e que debemos respetar as demáis culturas” (Uxía Martínez, 3º)

“Encantoume a ilusión coa que contaba todo. Ademáis, fíxome darme conta de que as cousas que pasan polo mundo son moito peores do que nos intentan transmitir os medios de comunicación” (Paula Sanchoyerto, 3º)

“Aprendín que debemos axudar a quen o precisa e que hai xente que, aínda sen nada, son amables e dan o pouco que teñen” (Mirian, 3º)

“Sorprendeume a idea da “Gran pollada” xa que é unha forma de conseguir cousas axudándonos os uns aos outros” (Jason, Rosa 3º)

“O que máis me impactou foi a vídeo no que unha indíxena contaba o que sentiu o ver o primeiro grifo de auga potable” (Noelia Fernández, 3º)

“O que máis me chamou a atención foi o pobo no que non tiñan electricidade ata fai pouco” (Marcos Danta, 2º)

“Quedeime coa anécdota sobre a chica que perdeu a cámara e entre todos os amigos lle mercaron outra” (Enís, 2º)

“Dinme conta de que Pedro é un home que loitou polo que sempre lle gustou ata que o conseguiu. A anécdota que máis me gustou foi a da cascada e o feito de que lle tiveran que pedir permiso ás abellas” (María Álvarez, 2º)

“Gustoume a charla de Pedro porque foi diferente a outras, pasámolo moi ben. Aprendín que noutros países están máis en contacto coa natureza ca nós, e que a coidan e respetan” (Lorena Pérez, 3º)

“Chamáronme moito a atención as fotos das familias que tiveron que posar a presa porque non deixaban que se soupera cómo vivían” (Cristina Rivero, 2º)

“É un home moi loitador e que nunca se rinde” (Nanyeli, 1º)

“Chamoume a atención a solidaridade da xente dos países nos que estivo” (Cristina, 1º)

“Sorprendeume que alguén desta zona vivira aventuras tan incribles e tan lonxe” (Xosé, 4º)

“Gustoume moito o momento no que nos ensinou fotos de Guatemala e Álvaro tocaba a guitarra” (Brais e Vanesa, 1º)

“Gustoume cómo adaptou a charla para que a entendéramos” (Christopher Teixeira, 1º)

 “Gustoume o feito de que afirmara que ser fotógrafo é unha excusa para ir polo mundo descubrindo lugares extraordinarios”

“Explicounos moi ben o problema actual da sequía”

“Gustoume que fixera tempo para nós, a pesar de estar tan ocupado”

“Fíxome reflexionar moito a cerca de como se comporta a xente que apenas ten nada. O pouco que teñen compárteno” (Borja Salgado, 4º)

“Fixo que parecera que nos coñecíamos desde sempre. Paréceme incrible todos os lugares que visitou e todas as anécdotas e sucesos que lle ocorreron. A mín encantaríame ser como él e ver tanto mundo e coñecer a verdadeira situación do noso planeta” (Nerea Medeiros, 4º)

 “Foi unha das mellores charlas á que asistín desde o colexio (...) Encantoume o consello que nos deu: que nunca deixemos de soñar” (Tatiana Barja, 2º)


Infinitas grazas, Pedro, pola túa inesquecible aportación aos alumnos/as e toda a comunidade educativa do instituto Castro de Baronceli, do que xa formas parte. Queremos contribuír a facer realidade o que pediches: "Nunca deixedes de soñar...", e transmitir que debemos loitar sempre por facer realidade eses soños. Grazas por facer realidade os teus, e compartilos con nós no Baronceli, dando voz a esas historias que o mundo necesita coñecer para, como nos decías dende Vanuatu "...ver como aberracións os erros que hoxe cometemos, que os eviten e axuden a erradicalos...". Queremos que contes con nós, e nós contar contigo, para facelo realidade.



luns, 4 de decembro de 2017

VISÍTANOS PEDRO ARMESTRE!!!

Achégase a data... visítanos Pedro Armestre este 5 de decembro!!!

Ese día compartirá con nós moitas das súas experiencias, imaxes, anécdotas... e quixera coñecer algunhas das vosas inquedanzas e preguntas sobre o traballo que desenvolve e as causas ás que se adica.
  • Para poder facerlle chegar algunhas das vosas preguntas antes da súa visita, irémolas recollendo neste enlace: PREGUNTAS para Pedro Armestre (dicídellas aos profes ou enviade esas preguntas ao correo: normalizacioncastrobaronceli@gmail.com)
  • Nestre outro enlace tedes recollidos varios lugares web que mostran varios das seus últimos traballos públicos e colaboracións, visitádeos (tamén pola vosa conta): traballos recentes de Pedro Armestre.
  • Unha entrada anterior deste blog adicámola á Aula Pedro Armestre que inaguramos na Romaría das Letras Galegas do pasado maio. Recomendamosvos unha nova visita á presentación (recomendable descargala para vela completa cos enlaces) que recolle moitos dos campos e causas aos que se leva adicando na súa extensa e recoñecida traxectoria como fotógrafo profesional e fotoperiodista.
Xa non queda nada para a que ben seguro será unha xornada moi especial...

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO (CONCURSO DE "TUITS")

No mes de novembro convocamos no noso Baronceli unha nova edición do concurso de "tuits" contra a violencia sexista (concurso de carteis con frases e imaxes a nivel de centro, paralelo á posible participación a través da rede social Twitter no concurso lalinsenviolencia).

Nas datas próximas ao 25 de novembro (Día Mundial contra a Violencia de Xénero) expuxemos os carteis dos alumn@s participantes, rodeados por uns lazos pintados ca man pola nosa querida alumna Lucía (e a axuda das súas inestimables profes). Adolfo e Lucía puxeron o seu valioso gran de area para colocar os paneis cos lazos e os carteis.

E velaquí o resultado...PARABÉNS A TOD@S @S PARTICIPANTES!!!

 


Pronto presentaremos no blog os carteis gañadores do concurso. Os premios serán o de menos... o importante son as ideas que compartíchedes e, sobre todo, o tempo adicado a pensar e debater sobre este problema no que tod@s debemos aportar solucións... E, sobre todo, as novas xeracións: posuídes as chaves da sociedade do mañá.