domingo, 30 de abril de 2017

CINE GALEGO: "SICIXIA"



O 31 de marzo os nosos alumnos/as de 3º e 4º ESO asistiron á proxección do filme galego "SICIXIA", na Casa da Cultura de Verín. Esta longametraxe, dirixida por Ignacio Vilar (director de Pradolongo, Vilamor ou A Esmorga, entre outras), e producida por Vía Láctea filmes, está ambientada na Costa da Morte e mestura ficción e realidade narrando a inesperada historia entre Xiao, un enxeñeiro de son, e Olalla, unha guía local.

A película, estreada en 2016, retrata o excepcional patrimonio da Costa da Morte, e foi rodada nos seguintes lugares de Galicia: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Corcubión, Cee, Cerceda, Dumbría, Fisterra, Gaiás (Santiago de Compostela), Muxía e Zas, na provincia da Coruña; Sabucedo (A Estrada) e a Illa de Arousa, na provincia de Pontevedra. Recomendamos visitar a seguinte ligazón sobre este filme.

ABRINDO AS PORTAS DA LUSOFONÍA


O venres 17 de marzo, tras varios anos consecutivos intentando cadrar axendas (e sempre contando ca súa boa disposición e interese), tivemos o luxo de poder escoitar no noso centro a Carmen Villarino Pardo, Doutora en Filoloxía e profesora especialista en Literatura Brasileira da Universidade de Santiago de Compostela (USC), nunha conferencia destinada aos alumnos/as de 3º e 4º da ESO (á dereita na fotografía). Tamén de luxo foi escoitar aos leitores -colaboradores nas clases de Filoloxía da USC- que a acompañaron e participaron no acto (de esquerda a dereita na fotografía anterior): Márlio Barcelos (lector brasileiro da USC), Carla Sofía Amado (lectora de portugués na USC e Directora do Instituto Camões en Galicia) e Benevides Maurício (lector angolano da USC no curso anterior e profesor do Instituto Superior de Ciência e Educação en Luanda - Angola).

Contáronnos cousas tan importantes como que a lingua portuguesa fálana, aproximadamente, 250 millóns de persoas, coas que podemos entendernos se viaxamos a algún dos 8 países en que é língua oficial. É a quinta lingua máis usada en internet (tendo sido a cuarta, con maior taxa de crecemento), e a terceira lingua máis utilizada en Facebook (segundo os datos do informe coordenado por Luís Reto sobre o Potencial Económico da Língua Portuguesa, de 2012) evidenciando a súa importancia a nivel mundial.


Grazas a eles, puidemos coñecer que no VIII Congresso da Associação Internacional de Lusitanistas, (celebrado en 2005 na Universidade de Santiago de Compostela), o escritor brasileiro Luiz Ruffato propuxo o termo galeguia para incluir todos aqueles territorios que falan a mesma lingua orixinada hai séculos na Galiza e que permite, ainda hoxe, entendernos en varios continentes.

Asimesmo, lembraron que a Lei Valentím Paz Andrade, aprobada en 2014 no Parlamento galego, compromete ao Goberno galego a incorporar progresivamente a aprendizaxe da lingua portuguesa como lingua extranxeira nos centros de ensino galegos, e a promover os vínculos coa lusofonía nos medios radiofónicos e televisivos entre outros ámbitos. Esta lei foi o resultado dunha iniciativa lexislativa popular presentada no ano 2013 co apoio de 17.000 sinaturas.

"Abrir as postas da lusofonía" foi abrir a nosa mente ás enormes posibilidades de falar un idioma que nos permite entendernos en moitas partes do planeta, dende unha viaxe a un número amplo de países (Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Guiné Bissau, São Tomé e Príncipe, Cabo Verde e Timor Leste) ata comunicarnos nas redes sociais ou enviar o noso currículum vitae para traballar en innmerables proxectos e empresas que empregan a nosa familia lingüística... por citar tan só algunhas das potencialidades da nosa lingua.

Non podemos máis que reiterar o noso enorme agradecemento a Carme e aos seus acompañantes Márlio, Carla e Benevides, pola valiosa oportunidade que nos brindaron ao visitarnos e transmitirnos todo o que unhas liñas dun blog non poden resumir... Para vós o agradecemento e afecto da comunidade escolar do noso IES Castro de Baronceli, na que en marzo de 2017 deixáchedes unha importante pegada.


Recomendamos visitar estes dous enlaces a sendos vídeos, mostrados durante a conferencia:
    "Racismo é burrice"
    "O que é Lusofonía?

No seguinte enlace hai máis fotos da actividade...

mércores, 12 de abril de 2017

DÍA DA MULLER TRABALLADORA (8 de marzo)


O 8 de marzo (mais non só ese día), no noso instituto Castro de Baronceli unímonos aos millóns de voces en todo o mundo que reivindican valorar como se merece o papel da muller en toda clase de traballo, así como loitar para rematar cas inxustizas e discriminacións que todavía sofren en moitos casos.

No canón do corredor principal expuxéronse as infografías realizadas polos alumnos de 1º e 2º de ESO en Valores Éticos, sobre a vida e obra de destacadas (e case sempre pouco recoñecidas) mulleres artistas na historia. Parabéns pola iniciativa e o voso traballo!


FOTOENTROIDO 2017


Un ano máis, o ENDL do IES Taboada Chivite convocou o concurso fotográfico FOTOENTROIDO para os membros dos tres institutos de Verín. As fotos de todos os participantes atópanse no blog intercentros  normacigarron.blogspot.com.es
http://normacigarron.blogspot.com.es/

Elíxese unha foto gañadora por cada centro, e entre esas tres finalistas escóllese a foto gañadora do concurso. A foto finalista do noso centro IES Castro de Baronceli foi a enviada por Julie Fernández Losada, de 3º A, que leva por lema: "Non lograrán roubarnos a ilusión"

Parabéns a tod@s @s participantes!!



martes, 11 de abril de 2017

O ENTROIDO NO BARONCELI

Un ano máis, no centro celebramos como se merece esta festa tan arraigada entre nós. A semana previa aos días centrais do Entroido, o noso particular meco ordeaba día por día que parte do corpo ir disfrazando para ir "quentando motores"...

O Xoves de Comadres, a partir das 12 da mañá, participamos en diferentes actividades: Carreira Solidaria, sorteo da Cesta do Entroido, festival e concurso de disfraces...

A Carreira Solidaria, na que participamos por segundo ano consecutivo, é organizada pola ONG Save the Children, e nela participamos multitude de centros educativos de toda España de diferentes niveis educativos, cun obxectivo común: concienciarnos das inxustas diferencias na calidade de vida entre a nosa e outras sociedades do planeta, e colaborar económicamente en proxectos de cooperación que perseguen mellorar esas situacións inxustas. O tema central da XIII edición de "Kilómetros de Solidariedade", neste curso escolar, é o da auga, e a recaudación aportada polos centros educativos destinarase á mellora no acceso á auga potable en diversos proxectos que a ONG desenvolve en Etiopía. Recomendámosvos este breve vídeo e visitar este enlace á web de Save the Children. Nesta edición, no IES Castro de Baronceli recadamos un total de 425 euros!! Mil parabéns a todos/as os/as corredores/as que participáchedes co voso esforzo, e aos patrocinadores/as que colaboráchedes ca vosa aportación económica!!


Tras o sorteo da Cesta do Entroido, tivo lugar no pabellón do instituto o festival de disfraces, que incluíu concurso e premios ao mellor disfraz individual e en grupo. O premio ao mellor disfraz individual foi para Xiana, de 1º A. Parabéns!!

Para os disfraces en grupo, houbo dous premios: o premio aos mellores disfraces foi para "Máquinas de chicles". Parabéns rapazas!!

E o premio ao disfraz en grupo máis orixinal foi para "Donald Trump e o muro" pola súa referencia a unha actitude política e humanamente vergoñenta... Parabéns!!

Nunha festa común como é o Entroido participamos tod@s, pero queremos agradecer dun xeito especial o traballo e a organización a Lurdes, a nosa encargada de actividades complementarias e extraescolares (nesta festa e en multitude de actividades de todo tipo), así como a Genaro -profesor de Educación Física- no desenvolvemento da Carreira Solidaria.  Mil grazas e noraboa polo traballo ben feito!!

Neste enlace da páxina web do instituto tedes todas as fotos do Entroido 2017 no noso IES Castro de Baronceli. Parabéns a Manuel, o noso profesor de Tecnoloxía, polas estupendas fotografías tomadas.